Concello de Leiro

Texto oficial da declaración

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

Resolución do 28 de decembro de 2006, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se somete a información pública e audiencia aos interesados o decreto polo que se declara a serra de Pena Corneira como monumento natural.

 

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, define no seu artigo 13 a figura de monumento natural como aqueles espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial, así como as formacións xeolóxicas, os xacigos paleontolóxicos e demais elementos da xea que reúnan un interese especial pola singularidade ou importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos.

As competencias en materia de protección do ambiente e da paisaxe foron conferidas á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do artigo 27.30º do Estatuto de autonomía e asumidas pola Xunta de Galicia a través do Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño.

Polo tanto, debe manterse a integridade dos valores xeomorfolóxicos presentes na zona da Serra de Pena Corneira caracterizada pola existencia dun macizo granítico cunha complexa asociación de formas xeolóxicas que reúnen un valor especial pola importancia dos seus valores científicos, culturais e paisaxísticos así como fomentar o seu coñecemento.

Estes recursos naturais necesitan dunha protección que asegure a súa conservación compatible co uso público e goce da natureza deste espazo, tal e como se sinala na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

A protección e conservación do noso patrimonio natural é un mandato recollido no artigo 45 da Constitución española vixente e unha necesidade para asegurar a supervivencia dos nosos ecosistemas.

Polo que antecede,

RESOLVO:

Abrir o período de información pública polo prazo dun mes, contado desde a publicación desta resolución, coa finalidade de que todos aqueles interesados que se consideren directamente afectados por esta declaración poidan mediante escrito, dirixido á Dirección Xeral de Conservación da Naturaza da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e de conformidade co disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, emendar ou rectificar os posibles erros da relación de bens e dereitos.

A proposta do decreto permanecerá exposta nas seguintes dependencias:

* Dirección Xeral de Conservación da Natureza,

San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

* Delegación Provincial da Consellería de Medio

Ambiente e Desenvolvemento Sostible de Ourense,

rúa O Paseo, nº 18, 5º, 32003 Ourense.

* Concello de Carballeda de Avia, Muñoz Calero,

3, 32412 Carballeda de Avia (Ourense).

* Concello de Leiro, Gabino Bugallal, 39, 32420

Leiro (Ourense).

* Concello de Avión, Praza do Concello, 1, 32520

Avión.

Así mesmo, poderase consultar o texto da proposta

na páxina web da Consellería de Medio Ambiente

e Desenvolvemento Sostible:

http://medioambiente.xunta.es.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2006.

Xosé Benito Reza Rodríguez

Director xeral de Conservación da Natureza

 

Deja una respuesta