| Información pública |
|
|
|
|
A resolución da Dirección Xeral de Conservación da Natureza pola que se abre o prazo de información e audiencia aos interesados foi publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, destacou que esta declaración é “un símbolo da loita de moitos colectivos ecoloxistas”. PDF Santiago de Compostela, venres, 19 de xaneiro do 2007 A Consellería de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, ven de iniciar o proceso de información pública e audiencia aos interesados para declarar a serra de Pena Corneira como Monumento Natural.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se abre o período de exposición pública do decreto da declaración durante o prazo dun mes, co fin de que os interesados que se consideren afectados poidan presentar as correspondentes alegacións.
A declaración da serra de Pena Corneira como Monumento Natural, da que se informou hoxe no Consello Galego de Medio Ambiente (Cogama), implicará una protección xurídica especial para esta zona que garanta a súa conservación, tendo en conta a súa singularidade e a importancia dos seus valores científicos, culturais e paisaxísticos.
O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, destacou a importancia da declaración de Pena Corneira como Monumento Natural dado que é “un símbolo da loita de moitos colectivos ecoloxistas” e ademais representa “unha das paisaxes máis importantes para o Ribeiro e todo o interior de Galicia”.
Durante a súa intervención no Cogama, o responsable de Medio Ambiente salientou que a inclusión de Pena Corneira nas zonas catalogadas como monumentos naturais é resultado “do consenso de todos os implicados”.
A serra de Pena Corneira, emprazada entre os concellos ourensáns de Carballeda de Avia, Leiro e Avión, ten unha superficie aproximada de 977 hectáreas. A zona está composta por un macizo granítico caracterizado por unha complexa asociación de formas xeolóxicas que o converten nun espazo singular.
Na actualidade Galicia conta con cinco Monumentos Naturais: a Fraga de Catasós (Pontevedra), o Souto da Retorta e a Praia das Catedrais (Lugo), a Costa de Dexo (A Coruña), o Souto de Rozabales (Ourense). A estes se sumarán Pena Corneira e A Carballa da Rocha (Ourense), que ven de concluír o seu prazo de exposición pública e está pendente da súa aprobación definitiva.
Catálogo Árbores Senlleiras O director xeral de Conservación da Natureza, José Benito Reza, informou no Cogama do decreto polo que se regula o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, que está pendente da aprobación do Consello Consultivo de Galicia para proceder a súa aprobación definitiva no Consello da Xunta.
O Catálogo Galego de Árbores Senlleiras recolle 108 árbores e 22 formacións que, pola súa excepcionalidade, merecen un ámbito especial de protección. Así mesmo, regula o procedemento para a inclusión de novas especies.
O decreto contempla a creación dun Comité das Árbores Senlleiras, como órgano consultivo nesta materia, así como a elaboración de Plans de Xestión, o establecemento medidas de protección para as árbores e formacións recollidas no Catálogo, e as posibles infracción e sancións pola morte de especies catalogadas.
Conselleria de medioambiente Fonte: http://www.siam-cma.org/noticias/detalleNoticia.asp?idnoticia=1934 |
| < Anterior | Siguiente > |
|---|


