Aprobado no DOGA a declaración de monumento natural PDF Imprimir E-Mail
Decreto 264/2007, do 20 de decembro, polo que se declara monumento natural a serra de Pena Corneira, na provincia de Ourense.

A serra de Pena Corneira está situada nos concellos de Carballeda de Avia, Leiro e Avión, dentro da comarca do Ribeiro, na provincia de Ourense, e constitúe unha prolongación ao nordés da serra do Suído, que ten unha superficie aproximada de 998 hectáreas, entre as bacías do río Avia e do Miño.


A importancia da zona proposta vén dada pola masa plutónica que dá lugar a un batolito de 18 km en sentido meridiano e 7 km en sentido leste-oeste constituído por rochas graníticas hercínicas, de época poscinemática, de composición xeral calcoalcalina e subalcalina, aparecendo granitos biitíticos e granodioritas biotítico-anfibólicas, aínda que non todo o macizo presenta facies similares, sendo esta diferenciación cristalina a que deu lugar a diferenzas na evolución xeomorfolóxica que fixeron posible a existencia do macizo de Pena Corneira e as súas formas asociadas: cristas graníticas, domos alvéolos, corredores deprimidos e caos de bolos. Todos estes valores xeomorfolóxicos están cartografados e detallados.


As formacións arbóreas potenciais presentes no contorno corresponden ao piso bioclimático colino da rexión eurosiberiana e ten bosques de Quercus robur da asociación Rusco acualeati-Quercetum roboris, con algún cerquiño Quercus pyrenaica, castiñeiros Castanea sativa e loureiros Laurus nobilis. No sotobosque coexisten elementos florísticos variados: Pyrus cordata, Lonicera periclymenum, Frangula alnus, Crataegus monogyna, xunto a algún elemento mediterráneo como pode ser o érbedo Arbutus unedo. A matogueira da zona está dominada polas seguintes especies: Cytisus striatus, Ulex europaeus, Ulex minor, Genista triacanthos e Pteridium aquilinum, entre outras. Nos regatos vai estar presente o bosque galería caracterizado por amieiros Alnus glutinosa, acompañado do carballo Quercus robur xunto a freixos Fraxinus excelsior e bidueiros Betula pendula.


Nas zonas de maior altitude as formacións arbóreas potenciais presentes corresponden ao piso bioclimático montano da rexión eurosiberiana e ten bosques de Quercus robur da asociación Vaccinio myrtilli-Quercetum roboris, destacando outras especies como o bidueiro Betula celtiberica, o acivro Ilex aquifolium ou o castiñeiro Castanea sativa. No sotobosque coexisten elementos florísticos variados: Pyrus cordata, Vaccinium myrtillus, Rubus sp ou Pteridium aquilinum. A matogueira da zona está dominada polas seguintes especies: Ulex europaeus, Ulex minor, Daboecia cantabrica, Erica cinerea, Erica arborea ou Halimium alyssoides, entre outras. Nos regatos vai estar presente o bosque galería caracterizado por amieiros Alnus glutinosa, salgueiros Salix atrocinerea, freixos Fraxinus excelsior e principalmente bidueiros Betula celtiberica.


Actualmente a zona arborizada atópase poboada na súa maior parte por carballeiras de carballo Quercus robur e rebolos Quercus pyrenaica, acompañados por bosquetes ou pés illados doutras frondosas como o castiñeiro Castanea sativa, salgueiro Salix atrocinerea, amieiro Alnus glutinosa, nas zonas baixas a sobreira Quercus suber e nas altas o bidueiro Betula celtiberica, aparecendo tamén mesturadas coa anterior pequenas masas e bosquetes de piñeiros e eucaliptos nos lugares de menor altitude da zona proposta.


En canto ás matogueiras, estas están constituídas por breixeiras (Erica arborea, Erica cinerea, Erica umbellata, E. aragonensis e E. ciliaris), toxeiras (Ulex europaeus) e xesteiras (Cytisus striatus, C. scoparius e C. multiflorus).


No tocante á fauna, imos atopar multitude de taxons das diferentes categorías en función da altitude da zona e da súa situación bioxeográfica, destacando anfibios como Discoglossus galganoi, aves como Buteo buteo, Certhia brachydactila ou mamíferos como a Lutra lutra, Rhinolophus ferrumequinum e Canis lupus, entre outros.


A zona está composta por un macizo granítico con dirección suroeste-nordés caracterizado por unha complexa asociación de formas xeolóxicas que reúnen un interese especial pola singularidade e importancia dos seus valores científicos, culturais e paisaxísticos.


Estes recursos naturais necesitan dunha protección que garanta a súa conservación e ao mesmo tempo sexa compatible co uso público e desfrute da natureza neste espazo, tal como se sinala na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.


A protección e conservación do noso patrimonio natural é un mandato recollido no artigo 45 da vixente Constitución e unha necesidade para asegurar a supervivencia dos nosos ecosistemas.


A Lei 9/2001, do 21 de agosto, no seu artigo 13 establece que terán a consideración de monumento natural aqueles espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial, así como as formacións xeolóxicas, os xacigos paleontolóxicos e demais elementos da xea que reúnan un interese especial pola singularidade ou importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos.


As competencias en materia de protección do ambiente e da paisaxe foron asumidas pola Comunidade Autónoma de Galicia, coa aprobación do noso Estatuto de autonomía, de conformidade co disposto no seu artigo 27.30º.


Polo exposto, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte de decembro do dous mil sete,


DISPOÑO:

Artigo 1º.-Declaración do espazo natural serra de Pena Corneira como monumento natural.


De conformidade coa Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, declárase monumento natural a serra de Pena Corneira, na comarca do Ribeiro, provincia de Ourense.


Artigo 2º.-Réxime xurídico.

1. Aplícaselle ao monumento natural serra de Pena Corneira o réxime xurídico dos espazos naturais protexidos previsto na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, co fin de conservar e protexer os importantes valores naturais que presenta en canto á singularidade da súa xea, fauna e flora, así como respecto á dos seus propios ecosistemas e hábitats naturais e a singular beleza da súa paisaxe.


2. O monumento natural serra de Pena Corneira quedará incluído na Rede galega de espazos naturais protexidos.


Artigo 3º.-Localización.

A serra de Pena Corneira encádrase nas seguintes coordenadas en proxección UTM:

-Fuso 29T VN:

Norte: 4692181 Leste: 569000

Sur: 4686301 Oeste: 564002

Artigo 4º.-Extensión e límites.

A extensión e os límites do monumento natural serra de Pena Corneira veñen recollidos no anexo deste decreto.


Artigo 5º.-Usos e actividades.

1. No monumento natural serra de Pena Corneira soamente se admitirán os usos e as actividades que non poñan en perigo a súa xea, fauna e flora, así coma os seus propios ecosistemas e hábitats naturais ou a singular beleza da súa paisaxe.


2. Poderanse seguir levando a cabo, de xeito ordenado, os usos ou actividades tradicionais que non poñan en perigo os valores naturais deste espazo natural protexido.


Artigo 6º.-Medidas de protección.

1. Co fin de garantir a conservación dos valores naturais que motivan a declaración da serra de Pena Corneira como monumento natural, prohíbese, en todo o ámbito deste monumento natural, as seguintes actividades:


a) A realización de acampadas ou o establecemento de campamentos.

b) A realización de desmontes ou terrapléns.

c) As verteduras ou entulleiras de calquera natureza.

d) As queimas, agás aquelas ordenadas polos servizos de extinción de incendios forestais que sexan necesarias para garantir condicións axeitadas de extinción.


e) A fixación ou colocación de carteis ou anuncios publicitarios, agás os que teñan relación coa defensa e sinalización do propio monumento natural.


f) A instalación de antenas, repetidores e outros equipamentos de comunicación.

g) A instalación de novos tendidos eléctricos e telefónicos.

h) O establecemento de infraestruturas que menoscaben a calidade paisaxística do contorno.


k) A recolla de especies de flora silvestre sen autorización da consellería competente en materia de ambiente.


l) Os usos urbanos residenciais.

2. Fóra dos camiños e vías existentes, só se permitirá a circulación de vehículos e maquinaria propios da actividade agrícola e forestal, a empregada para o servizo das instalacións públicas existentes ou a utilizada por parte dos servizos públicos de emerxencia.


3. Prohíbese a realización de calquera tipo de acción que poida supoñer a destrución ou alteración dos hábitats naturais identificados na área como de especial interese ou prioritarios, de acordo co disposto na Directiva 92/43/CEE relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.


Artigo 7º.-Suspensión de actividades.

A consellería competente en materia de conservación da natureza instará a suspensión de toda actividade que non dispoña da preceptiva autorización, que non se axuste ás condicións da autorización outorgada, que incumpra o establecido nesta disposición administrativa, na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza ou calquera outra que atente contra a conservación e a protección do monumento natural serra de Pena Corneira.



Artigo 8º.-Potestade sancionadora.

A vulneración do réxime de protección establecido para o monumento natural serra de Pena Corneira, así como a inobservancia do plan de conservación deste monumento natural ou da normativa que regula os espazos naturais protexidos, serán sancionadas de conformidade co disposto na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, con suxeición ao procedemento legalmente establecido.


Disposición adicional

Única.-As explotacións mineiras existentes con anterioridade á entrada en vigor deste decreto poderán seguir mantendo a súa actividade sempre que estean legalmente autorizadas.


Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de ambiente para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.


Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


Santiago de Compostela, vinte de decembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño
Presidente
 
Fonte: DOGA
           PDF
 
 
< Anterior   Siguiente >